_MG_9577

En SOS Animalia carecemos de refuxio onde manter todos os animais que recollemos da rúa e para seguir realizando esta labor resultan imprescindibles as casas de acollida. Se queres colaborar e podes coidar dun animal necesitado mentres lle buscamos un fogar definitivo ou mentres se recupera dalgunha enfermidade ou intervención, esta é a túa opción.

  • Que significa ser casa de acollida?

Ser casa de acollida consiste en aloxar temporalmente un animal que necesite estar nun fogar durante un tempo, ben sexa mentres atopa un adoptante, porque está enfermo, precisa uns coidados especiais ou medicación, cachorros que teñen que ser alimentados con biberón, animais anciáns, animais que precisan socializarse, etc.
En todos os casos as casas de acollida xogan un papel fundamental na súa recuperación.
O animal recupérase con maior rapidez de temas de saúde nun ambiente caseiro e deste xeito tamén aprende a vivir en familia, do mesmo xeito que poden superar problemas de comportamento que resultan máis doados de controlar nun fogar.
En función do tempo do que se dispoña e as súas preferencias,  cada persoa pode escoller o tipo de animal do que pode facerse cargo: un can ou un gato, animais grandes ou pequenos, con problemas de saúde, problemas de comportamento, anciáns, cachorros, animais que necesitan medicación…

  • Quen pode ser casa de acollida?

Calquera que teña un corazón xeneroso e dispoña dun óco na súa casa e o tempo necesario para dedicarlle ó animal. Logo de determinar que animal é o máis indicado en cada caso, asinarase un contrato de casa de acollida no que se indique que o animal pertence á Asociación e que non se poderá entregar a unha terceira persoa sen o noso consentimento. Tamén se indica que no caso de non poder seguir sendo casa de acollida, se compromete a avisar con antelación (salvo en casa de forza maior) e a mandarnos fotos e información sobre o acollido para facilitar a súa adopción.

Os gastos veterinarios e os medicamentos (en caso de ser necesarios) correrían a cargo da Asociación, aínda que se a vontade do acolledor é poñelo do seu peto, serán recursos que haberá para outros que non tiveron a mesma sorte que o animal acollido. Normalmente as casas de acollida fanse cargo dos gastos de alimentación pero, no caso de que non puidese ou non quixese facerse cargo deles, irían tamén a conta da Asociación.

  • O momento da despedida:

Hai que ser realista e saber que no momento da separación do animal que coidamos, e nalgúns casos que incluso devolvemos practicamente á vida, é duro, pero non temos que pensar no noso sufrimento pola separación senón en que grazas á nosa xenerosidade logramos recuperar un animal, estabilizalo, atoparlle un bo fogar e que agora temos a oportunidade de volver a facer esta tarefa con outro animal necesitado.

Se che interesa ofrecer esta axuda, non dubides en contactar con nós!