celestino

Adoptar un animal de compañía é unha gran decisión e unha gran responsabilidade. Antes de facelo cremos que debes ter en conta unha serie de cuestións para que a adopción se leve a cabo de xeito satisfactorio por parte tanto do adoptante como do propio animal.

  • Ninguén nos obriga a ter un animal, polo que che aconsellamos que nunca adoptes seguindo un impulso. Debes pensalo ben e lembrar que os cans teñen unha vida media de 15 anos e os gatos de 18, aínda que ambos poden chegar a vivir algo máis. Pensa que ADOPTAR UN ANIMAL se trata dun compromiso de por vida e debemos ter a certeza de que vamos a poder subministrarlle todo o amor e os coidados que precisan.
  • Tes que ter moi presente que ter un animal aporta moitas cousas boas (compañía, amor, etc.), pero tamén unha serie de responsabilidades que hai que ter moi presentes (educación, hixiene, gastos, tempo…).
  • É moi importante que estean de acordo coa decisión de adoptar un animal todos os membros do núcleo familiar.
  • Non adoptes porque o pida un neno se a ti non che gustan os animais. Pensa que el non é o suficientemente responsable como para coidar dun ser vivo e todo o traballo acabará recaendo nos pais. Pero, sobre todo, hai que ter moi presente que un animal non é un xoguete.
  • Tamén é importante verificar que ninguén na familia sexa alérxico, ou asmático, xa que estas doenzas son as escusas máis empregadas polas persoas para desfacerse dos seus animais.
  • Os animais recollidos pola asociación, na maior parte dos casos, sufriron o abandono ou incluso foron maltratados, polo que precisan unha familia que lles aporte cariño, protección e un equilibrio emocional para o resto da súa vida.
  • Antes de adoptar un animal con algún tipo de “problema” de tipo que sexa, consúltanos e pénsao detidamente. Estaremos encantados de darche todas as explicacións necesarias e todos os consellos posibles para unha perfecta adaptación.
  • Debes ter en conta o tempo do que dispós para dedicar ó teu novo compañeiro. Cariño e compañía precisan todos, pero non é o mesmo un can novo cheo de vitalidade que un maior, nin un gato de pelo longo ó que tes que cepillar con certa frecuencia que un de pelo curto, por exemplo. Os animais mansos que se manteñen en gaiolas como os paxaros, hamsters e coellos, tamén precisan pasar tempo fóra das gaiolas.
  • Debes ter en conta os gastos de alimentación, atención veterinaria e posibles enfermidades ou problemas que poidan aparecer ó longo da vida dun animal. Ás veces, poden xurdir problemas médicos que supoñen un desembolso económico considerable. Debes formularte se poderías facer fronte a eses gastos.
  • Tamén debes pensar no período vacacional, onde pasarás as vacacións e nas opcións que tes se nalgunha ocasión debes viaxar sen el. Preparar unhas vacacións ou días de descanso co noso compañeiro de catro patas non é difícil, simplemente hai que buscar entre a ampla variedade de posibilidades que existen e elixir a que mellor se adapte.
  • Podes consultarnos sobre opcións (hoteis-garderías de animais, coidadores de animais, hoteis e casas rurais, etc., onde permitan animais). Intentaremos botarche unha man nestes aspectos.
  • Nunca regales animais por sorpresa, o que o recibe pode non estar moi de acordo e acabar deixando o seu regalo na rúa, como se se tratase de lixo.
  • É unha responsabilidade que debe asumir un mesmo e non lle pode ser “imposta”. Ó mellor pensas que estás facendo algo bo, pero a persoa non está preparada, non ten tempo ou o animal non é exactamente o que tiña en mente.

Se tes algunha dúbida sobre que animal se adaptaría mellor ás túas necesidades, podes consultárnolo, estaremos encantados de aconsellarte.
Ben, liches os nosos consellos ata agora e cres que cumpres todos os parámetros para ser un bo adoptante, explicámosche entón cal é o proceso de adopción que seguimos en SOS Animalia.

PROCESO DE ADOPCIÓN:

Para adoptar en SOS Animalia deberás ser maior de idade e seguir esta serie de sinxelas etapas ou pasos:

  1. Se estás interesado en adoptar algún dos nosos animais podes poñerte en contacto con nós mediante o noso cuestionario de contacto, chamando ó 688 977 699 ou enviando un mail a contacto@sosanimalia.com.
  2. Enche o seguinte (Cuestionario de adopción-proximamente dispoñible). Lembra responder as preguntas con sinceridade, ten en conta que será imprescindible unha pequena entrevista para dar o visto bo á adopción. Tómate o teu tempo, consúltanos se algunha pregunta non a entendes ou calquera cousa que se che ocorra. Estamos para axudarte e para facer o máis sinxelo posible este trámite. Algunhas preguntas ó mellor parécenche un pouco “estrañas”, pensa que se as preguntamos é porque tivemos algunha experiencia neste tema.
  3. Envía o documento coas túas respostas ó noso e­mail contacto@sosanimalia.com
  4. No momento da adopción deberás ler e asinar o contrato de adopción. Nel comprometeraste a non vender, ceder, regalar ou abandonar o animal, e a darlle todos os coidados veterinarios e de alimentación necesarios ó longo da súa vida, renunciando en caso contrario á adopción, a favor de SOS Animalia. Ademais tamén te comprometerás a:
    • Esterilizar o animal en caso de que non sexa posible por parte da nosa asociación, por exemplo, en caso de cachorros que non poidan ser esterilizados pola súa curta idade.
    • Non mutilar total ou parcialmente o animal, no caso dos cans poderían ser orellas e/ou rabos e no caso dos gatos quedaría totalmente prohibida a desungulación ou extirpación das unllas.
  5. No momento de recoller o animal deberás aboar unha pequena taxa derivada dos gastos veterinarios, esterilización, desparasitación e microchip, no caso dos cans. No caso dos gatos, as taxas derivarán tamén dos test de leucemia e inmunodeficiencia felinas. Explicarémosche todos os gastos de maneira detallada.
  6. Unha vez feita a adopción levarase a cabo un seguimento do animal por membros de SOS Animalia para comprobar que está en boas condicións e se cupre co establecido no contrato. Así mesmo, a asociación pode recuperalo en caso de se observaren irregularidades graves.
  7. Lembra que no caso de non poder seguir facéndote cargo do animal, debes avisarnos para poder atoparlle un novo fogar.